2 mar 2010

Entrevista a Domingo Villar en La Voz de Galicia

Domingo Villar es guionista de televisión, periodista, colaborador de radio, escritor de éxito…, y antiguo alumno de Montecastelo. Pertenece, concretamente, a la XVII Promoción de Bachillerato (1989).El caso es que, como aperitivo a la jugosa entrevista que estamos preparando para el nº3 de nuestra revista A3m, reproducimos aquí algunos fragmentos de la que ha sido publicada recientemente en La Voz de Galicia. ¡Que la disfrutéis!

-¿Por que todos os inspectores das novelas levan vidas pouco saudables? Fuman, dormen pouco...
-Non sei se todos; é verdade que, nas películas antigas, fumaban, pero tampouco é menos certo que, nos anos 40 e 50, fumaba todo o mundo. O meu policía Leo Caldas fuma, máis que nada, para agochar a timidez detrás do fume. É outro xeito de fumar, un fumador social que, cando quere falar con alguén, busca ese telón intermedio que lle proporciona o tabaco.
-E non hai investigador de novela sen axudante. ¿Tres serían multitude?
-Probablemente, por máis que logo chegues ás comisarías e haxa máis xente traballando. O normal é que os policías acudan aos sitios de dous en dous, en parellas, non é algo que teñamos inventado os escritores.
-Con vostede podería pasar algo semellante [ao acontecido coas novelas de Stieg Larsson], que coa escusa de Leo Caldas os lectores do mundo redescubran a calidade das intrigas literarias galegas, que hai moitas e moi boas...
-Desde os contos policíacos de Emilia Pardo Bazán a Suso de Toro, Carlos Reigosa, Miguel Anxo Fernández, Daniel Ameixeiras... Unha das grandes novelas policiais é A esmorga, por máis que se poida apartar do canon do xénero. O bo da novela policial é que permite falar de calquera cousa; ten esa avantaxe sobre o resto da literatura. A resolución do caso é unha escusa. Unha vez que a tes, eu conto o que me peta, as cousas que me preocupan, como a xente de idade, os vellos, aos que non prestamos atención suficiente; como os cambios físicos que se están producindo en Galicia... Podo falar de todo iso mentres se resolve unha trama policial.
-¿Vigo préstase máis ás tramas negras que, por exemplo, Lugo ou Ourense?
-Non. Vigo é un escenario idóneo para as miñas novelas, pero como calquera outro. O importante é saber por onde andas e levar aos personaxes por lugares que resulten verosímiles para o lector. As miñas novelas son novelas policiais por fóra, pero por dentro son contos de amor a unha terra, a unha cidade, a un xeito de mirar o mundo, á xente do mar, aos que fan viño...
-Cónstame que xa hai quen fai turismo literario polos sitios onde transcorren os seus libros, os arredores de Vigo, Panxón...
-Non está mal. Se nestes tempos de dificultade podes botar unha man á xente da terra... Ao Eligio [a taberna que adoita visitar Leo Caldas nas novelas] ten ido xente de moitos sitios.
-¿Escribe por arroutadas ou procura ser constante?
-Procuro escribir todos os días sabendo que, a meirande parte dos días, o traballo non vale.
-¿A man, a máquina...?
-A ordenador. Pero tomo notas constantemente, a man, en caderniños, con cousas que serven e con cousas que non.
-¿Colleu tics de escritor?
-Non. Teño dous fillos pequenos, así que escribo mellor polas noites e polas mañás corrixo. Logo vou buscar aos nenos á escola e estou con eles ata que se deitan. ¿Tics? Bueno , si escribín o meu primeiro libro coa música de Waldo Martínez, un contrabaixista de Ferrol. Si que me gusta escribir nos mesmos sitios e son un pouco maniático cos teclados que conecto ao ordenador. Pero non escribo bébedo nin nada [ri].
-¿Qué lle parecería unha adaptación ao cine? Houbo un intento que non chegou a materializarse...
-Se van facer unha cousa que estea moi ben, con certas garantías, adiante. Se non, dáme un pouco de medo. Pode ser unha gran axuda para dar a coñecer un personaxe, pero tamén o poden estragar, e os personaxes van convivir comigo moitos anos.
-¿Que actor daría un bo Leo Caldas nunha adaptación cinematográfica?
-Se tivera que coller un galego e podo tirar para arriba... Tosar sería un bo Leo Caldas.

No hay comentarios: